Martes, 13 Maio de 2025

Galician Brew, Foncalgás Xinzo e Guillermo Rodríguez, Premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2020

O Concello de Ponteareas entregou os Premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’, relativos ao 2020, na Gala da Lingua de homenaxe á escritora Xela Arias Castaño. A través destes galardóns o Consistorio quixo recoñecer o labor de persoas e empresas que, día a día, achegan a lingua, dun xeito normal, aos consumidores e consumidoras e contribúen, deste xeito, ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial.

Guillermo Rodríguez recolle o seu galardón de mans da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila

Os premios –unha obra do escultor ponteareán Silverio Rivas e un diploma acreditativo– recaeron en Guillermo Rodríguez Fernández, na categoría de Traxectoria do uso da lingua ao longo de décadas, empresario e xornalista que foi quen de fundar e dirixir empresas editoriais radicadas en Ponteareas e que sacou á rúa A Peneira, un dos poucos xornais en papel escrito integramente en galego que se mantivo en circulación durante varias décadas.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, entrega o seu galardón á empresa Foncalgás Xinzo

Foncalgás Xinzo SL, empresa de fontanaría e enerxías renovábeis, mereceu o galardón na categoría de Uso continuado da lingua galega, polo uso do galego como lingua de comunicación e publicidade da empresa, tanto a través do seu sitio web como das redes sociais, ou campañas publicitarias en calquera soporte.

Galician Brew foi galardoada no apartado de ‘Incorporación recente ao uso da lingua galega’

Finalmente, Galician Brew SL, empresa produtora e comercializadora de cervexas, foi galardoada na categoría de Incorporación recente ao uso da lingua galega, pola contribución á visibilización da lingua galega na publicidade e etiquetaxe das súas marcas comerciais que chega aos consumidores e consumidoras en galego como sinal de identidade e garantía de orixe.

A alcaldesa, Cristina Fdez. Davila, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, felicitaron e destacaron a importancia de desenvolveren a súa actividade no idioma propio do país e de se converteren nos seus axentes dinamizadores e normalizadores. “Estes premios veñen visualizar e recoñecer aquelas empresas e aquelas persoas empresarias que usan e prestixian co seu uso o noso idioma no seu labor diario” indica o edil de Lingua.