Sábado, 3 Maio de 2025

Homenaxe a Xela Arias e celebración da lingua galega na programación das Letras Galegas 2021 en Mondariz

Para o día 17 de maio está programada unha gala de teatro, música e humor que dá protagonismo á lingua galega

O Concello de Mondariz inicia este sábado, 15 de maio, a programación conmemorativa das Letras Galegas 2021 cun concerto de “Desertores” en homenaxe a Xela Arias, que fora colaboradora do grupo durante a movida viguesa dos anos oitenta. A poeta non só estará presente a través das letras que escribiu para “Desertores”, senón que tamén será recordada a través dunha conversa co seu irmán e dun recital de poemas seleccionados que permitirán coñecer o seu legado literario.

“Con este evento tan interdisciplinar queremos recuperar a memoria da Xela Arias máis polifacética e transgresora no eido cultural. Sabemos que foi poeta, tradutora e editora, pero a súa vinculación coa movida viguesa dos oitenta non é tan coñecida. Foi unha muller que rompeu esquemas como creadora, unha vangardista que nos pode inspirar a día de hoxe”, comenta a concelleira de Educación e Cultura do Concello de Mondariz, Lita Carballo.

O concerto-recital en homenaxe a Xela Arias será interpretado en lingua de signos para promover a accesibilidade. Comezará ás 20:00 horas nos Xardíns do Concello. En caso de chuvia, o evento será trasladado ao Auditorio do Centro Social de Mondariz.

O 29 de maio, así mesmo, a biblioteca pública municipal acollerá a presentación do libro inédito de Xela Arias “Non te amola!”, que foi recentemente publicado por Galaxia. Este evento contará coa presenza da ilustradora Luz Beloso e do director de Galaxia.

Espectáculo “Tirando da lingua”

O 17 de maio, protagonismo do galego na gala de teatro, música e humor “Tirando da lingua”

Para o día 17 de maio, o Concello de Mondariz ten programado un espectáculo de variedades onde a lingua galega é a protagonista. Esta gala leva por título “Tirando da lingua” e no elenco ten a destacados cómicos galegos como Fran Rei, Isabel Risco, Pedro Brandáriz e Avelino González.

O contido deste espectáculo está dirixido a público adulto. A gala comezará ás 20:00 horas no Auditorio do Centro Social de Mondariz. A entrada é libre e gratuita até completar a cabida permitida.