O Concello de Ponteareas divulgará a figura de Xela Arias en bolsas de pan grazas ao apoio e colaboración das panadarías locais. As bolsas levan impresas as caras da poeta de Sarria, por un lado, e da escritora ponteareá Emilia Estévez Villaverde, pola outra, e van acompañadas de cadansúa breve reseña e de cadanseu poema.

Tal e como explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, “a través desta iniciativa, queremos render homenaxe á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas e, ao mesmo tempo, tamén queremos poñer en valor e dar a coñecer a figura da escritora ponteareá, Emilia Estévez Villaverde, pola contribución que esta lle fixo ás nosas letras”.

Groba subliñou o interese das panadarías locais de Ponteareas “sen as que non sería posíbel levar adiante esta iniciativa”. O concelleiro de Lingua quixo agraceder “a súa colaboración e implicación na difusión destas bolsas conmemorativas, que posúen o valor engadido de seren realizadas en papel procedente de fontes sostíbeis, fabricadas en Galiza e seren reciclábeis”.