Luns, 5 Maio de 2025

Unanimidade en Salceda para pedir a reposición do Acueducto do Pontillón

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda aprobou por unanimidade a moción presentada polos grupos de goberno (MS e PSOE) para a protección do patrimonio natural fluvial existente no río Caselas, pedindo expresamente a reposición do acueducto do Pontillón entre as parroquias de Caldelas e Arantei ,que recentemente foi desmontado durante a execución das obras de “Mellora da permeabilidade no río Caselas”, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A “Mellora da permeabilidade no río Caselas” forma parte do proxecto “Migra-Minho”, desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas portugués. Este proxecto ten unha grande importancia para o medio ambiente e para o biodiversidade dos nosos ríos. O problema chega, cando non se ten en conta a protección do Patrimonio Cultural e Etnográfico e se tratan como meros obstáculos para o remonte das especies migradoras.

O concelleiro de Patrimonio, Alex Rodríguez, defendeu a moción lembrando que os elementos como muíños, peiraos, levadas, pesqueiras, acueductos e batáns son bens patrimoniais que forman e formaron parte da nosa economía de subsistencia a través dos séculos, da nosa historia, da nosa etnografía, da nosa poesía, das nosas cantigas, e como non, da nosa memoria.

A sorpresa neste punto deuna o Partido Popular de Salceda, que decidiu infravalorar a iniciativa, manifestando que esta non era de interese para a veciñanza de Salceda a pesar de estar a falar do río que dá nome ao municipio.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, trasladoulle o seu agradecemento ás promotoras da moción, nomeadamente a Silvia Soutelo, presidenta da Asociación patrimonial e etnográfica Acueducto de Caldelas, pola defensa férrea que están a facer do patrimonio vinculado ao Río Caselas, facendo súas as palabras da Presidenta: “O patrimonio galego será tido en conta e respetado se todos e todas o poñemos en valor e velamos por el”.