Un accidente entre dous vehículos rematou, onte, con dúas persoas feridas, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño.
Pasadas as 14:00 horas de onte, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de condutores particulares que acababan de ver unha colisión entre dous coches na autovía A-52, arredor do punto quilométrico 287, en sentido a Benavente. As persoas afirmaban que un dos turismos estaba envorcado e que descoñecían se os ocupantes estaban atrapados no interior.
Inmediatamente, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Salvaterra, ao GES-SPEIS de Ponteareas e aos Bombeiros do Porriño. Ademais tamén se alertou aos membros de Protección Civil da localidade e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.
Unha vez chegados ao punto, os medios movilizados confirmaron que non había ninguén atrapado nos vehículos e que, finalmente, dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Para garantir a seguridade da vía e restablecer a circulación, o 112 Galicia tamén lle deu aviso ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.