Martes, 6 Maio de 2025

A Deputación aproba o convenio con Salvaterra para cumprir unha “demanda histórica” de mellora da seguridade nos accesos ao colexio de Leirado

O Goberno provincial vén de aprobar o convenio co concello para investir máis de 214.000 € na seguranza viaria e mellora da mobilidade peonil deste tramo da EP-4006

A Deputación de Pontevedra dá os primeiros pasos para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria nos accesos ao CEIP Leirado de Salvaterra pola estrada provincial EP-4006, que une As Neves e Ponteareas. Deste xeito, a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar o convenio co concello a través do cal se investirán máis de 214.000 € para dar resposta á unha das demandas histórica de Salvaterra.

A través deste convenio actuarase entre o punto quilométrico 5+900 e a conexión coa PO-402 que da acceso ao CEIP Leirado, mellorando a seguridade viaria e a mobilidade peonil nun tramo que presenta, na actualidade, escasas beirarrúas e cunetas non transitables. Deste xeito, e dando resposta ás inquedanzas da veciñanza da vila, crearase un camiño escolar seguro cara o centro escolar e traballarase na redución da velocidade no tramo seguindo o modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación nas estradas provinciais

Máis polo miúdo, a actuación contempla executar un paso sobreelevado para dar acceso ao seu alumnado de forma segura así como a redución da velocidade do tráfico rodado aos 30 quilómetros por hora, á altura do colexio. Tamén se construirá unha senda peonil de 2,5 metros de ancho dende o CEIP ata o cruce coa PO-402, crearase unha beirarrúa de formigón coloreado para dar continuidade ao itinerario peonil existente no inicio do treito antigo e, na marxe esquerda, unha beiravía. Amais, a reforma comprende unha zona de estacionamento de autobuses segura e ben delimitada á beira do colexio, a execución dunha nova capa de rodaxe e novo pavimento, pintado e sinalización horizontal e vertical.