Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela denuncia o “flagrante incumprimento” da Xunta de Galicia coa normativa lingüística

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, considera que o escrito oficial de 'O Teu Xacobeo' dirixido ao concello integramente en castelán, “amosa o desinterese da Xunta polo fomento do noso idioma”


O escrito dirixido ao Concello de Redondela por parte novo responsable de planificación das iniciativas do programa ‘O Teu Xacobeo’, escrito integramente en castelán, foi considerado onte polo Goberno local como “unha clara mostra do incumprimento por parte da Xunta de Galicia da normativa lingüística” e lémbranlle “que a lingua oficial de comunicación é o galego”.

Segundo o Estatuto de Galicia, sinala o executivo local, “o galego é a lingua propia de Galicia” e o seu fomento, como é lóxico, “corresponde ao Goberno galego, algo que, polo visto aínda non teñen claro”.

A alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, sinala que denunciar este “desleixo por parte do executivo galego” é unha obriga por parte dun Concello que, como Redondela, “foi o primeiro de Galicia en ter Servizo de Normalización Lingüística e que, dende o principio, participou activamente no proceso de normalización do idioma galego”.

A comunicación de ‘O Teu Xacobeo’, engade Rivas, “non fai máis que amosar, unha vez máis, o desinterese da Xunta no relativo á protección, fomento e dinamización lingüística”. “Non estaría de máis –engade a rexedora local– que o Goberno galego asumira a súa responsabilidade co que é un dos elementos sociais máis importantes do noso pobo e, seguramente, o principal produto cultural da nosa comunidade”.

Digna Rivas finaliza salientando que “nos corresponde a nós, como administracións, cumprir coa normativa en materia lingüística e favorecer a normalización algo que, polo que parece, non teñen asumido dende o goberno autonómico”.