Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2021

A Programación da concellaría de igualdade e do CIM do concello da Guarda para o ano 2021 conta con varias actividades de sensibilización

Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias desde o Concello da Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer…).

Actividades programadas para este ano 2021:

Campaña de sensibilización – O Concello de A Guarda énchese de frases e palabras a prol da Igualdade á muller durante o mes de marzo.

A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, pretendemos conmemorar dende A Guarda o Día Internacional da Muller.

Queremos indicar que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non ferir ás árbores.

A Campaña de Sensibilización vese complementada cunha valla publicitaria na Alameda con motivo do 8M, a colocación dunha pancarta no balcón do Concello, a Iluminación en cor morada do Concello e do CIM, así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña feita polo propio alumnado do Centro.

E este ano queremos centrar as nosas actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque consideramos primordial que a concienciación e o fomento de Igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.

Actividades nos centros de ensino

O Contacontos “O pozo das Señoras” con  Rilo e Penadique (contadora de contos e música) levarase a cabo en formato online (debido a situación sanitaria actual) dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.

Ofreceráselle a todos os centros de ensino da Guarda unha ligazón que estará dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.

A actividade que chamamos “Mulleres galegas, donas do seu”  vai ir dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña,  é un dos exercicios prácticos  de Interpretación do Patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística  do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.

Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida de  moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertelo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia,  xoves  adolescentes coñezan as estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles.. pero que  non se acobardaron… loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas   familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.

O obxectivo principal deste traballo é aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar  emotivos discursos complementados con  dinámicas presentacións que sacan do esquecemento  histórico a estas mulleres,  darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade  que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as  veces  non temos…. buscamos provocar na nosa audiencia  unha reflexión e reacción final  positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentamos, por iso a grande importancia de proxectos como o que nos presenta a profesora Tina Otero que nos ofrecen a oportunidade de crear sinerxias entre diferentes centros educativos e o CIM da Guarda. Convídase a todas as persoal que queiran vestir algunha prenda ou pór algún complemento de cor morada, como cor que simboliza o Día Internacional das Mulleres.