Domingo, 4 Maio de 2025

Abertas as inscricións para unha xornada de posta en valor do patrimonio cultural da Guarda

O evento está aberto a toda a cidadanía e terá lugar na tarde do vindeiro 10 de marzo no Concello da Guarda

O vindeiro mércores día 10 de marzo o Concello da Guarda será o escenario para a realización da Xornada para a co-creación de solucións para a posta en valor do patrimonio cultural da Guarda, evento organizado pola Universidade de Vigo.

Esta xornada, que arrancará ás 16:30h da tarde, ten coma obxectivo contribuír a crear novos produtos e servizos que poidan ser comercializados polos profesionais e entidades da zona para dinamizar e atraer novos viaxeiros ao concello.

A xornada estará dividida en dúas partes, na primeira delas realizarase unha charla con expertos sobre o patrimonio cultural inmaterial da Guarda e boas prácticas no sector e, despois dunha breve pausa, realizaranse mesas de traballo nas que os asistentes poderán traballar no desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos para o territorio.

Todas aquelas persoas, sexan profesionais ou non, e que desexen desenvolver ou participar en proxectos para a creación de novos produtos turísticos, atraer turismo á Guarda, potenciar a nosa cultura ou dar a coñecer o noso patrimonio, teñen unha oportunidade moi especial nesta xornada, na que participarán expertos coma J. Miguel Villa ou investigadores da Universidade de Vigo, socia deste proxecto europeo. Máis información sobre o proxecto en: https://atlanticculturescape.eu/.