A Concellería de Igualdade, dentro dos actos previos ao 8M, iniciará o luns en Radio Redondela o programa ‘As mulleres contan / percorrendo camiño’, unha iniciativa que todos os luns dará voz a mulleres de Redondela co obxectivo de visibilizar, non so o seu traballo, senón tamén as súas inquedanzas na súa vida ou actividade laboral.
Son, explica a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, “mulleres do noso concello que fan unha enorme contribución á sociedade e que loitan día a día por acadar unha igualdade real, en todos os eidos, entre homes e mulleres”.
Serán palabras que transmitirán emocións, vivencias e experiencias “que permitirán que todos e todas reflexionemos sobre o traballo que fan todas e cada unha delas e a súa importante contribución a crear unha sociedade máis igualitaria e máis xusta”.
A serie de programas o abrirá este luns o apartado Ciencia, coa enxeñeira aeroespacial, Xunqueira Ezara para seguir, nos vindeiros luns con Sanidade no que participarán unha medica e unha técnica de laboratorio e Mar, con representantes de Amarturmar empresa de turismo mariñeiro e de mariscadoras redondelás. A partir de ahí, deporte, cultura, comercio, empresa e outras actividades nas que participan mulleres de Redondela pasarán por este programa e visibilización o papel da muller nas diferentes actividades.
‘As mulleres contan / Percorrendo camiño’ será a primeira das actividades que se desenvolvan dentro dun programa de actos conmemorativos do 8M “que non quedarán cinguidos a un só día, senón que algunhas das actividades previstas desenvolveranse ao longo de todo o ano”.
A reivindicación da igualdade, engadiu Digna Rivas, “non pode quedar restrinxida a actos puntuais durante un día ao ano, senón que ten que ser, e debe ser, unha acción continuada ao longo do tempo”. “E preciso que a veciñanza interiorice que sen igualdade non hai futuro”, conclúe a alcaldesa de Redondela.