Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas no nivel máximo de limitacións

Galicia queda así con 116 municipios emprazados no nivel de restricións máis elevado, o que supón un 72% da poboación

O Comité clínico  que fai seguimento da evolución da Covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de onte, elevar ao  nivel máximo as restricións aos concellos de Vigo e Pontevedra, logo da revisión da evolución epidemiolóxica da Covid-19 en toda Galicia.

O nivel máis elevado de resticións implican o peche no interior da hostelaría, deixando así aberto o 50% da capacidade das terrazas ata as 18:00 horas.

Así mesmo, o Comité clínico decidiu tamén subir ao nivel máis alto de restricións  outros 54 concellos da nosa comunidade autónoma dos que 12 están na área sanitaria da Coruña e Cee; 3 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 5 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 5 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na de Vigo; 10 na de Santiago de Compostela e Barbanza e 9 na de Ferrol.

Estes concellos son, na área coruñesa, Betanzos, A Laracha, Sada, Abegondo, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Muxía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Na área sanitaria de Lugo son Burela, Cervo e O Vicedo e na área ourensá, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos. No referido á área de Pontevedra os concellos que soben ao nivel máis alto de restricións son A Lama, Catoira, Forcarei, Meis e Moraña.

En canto a área sanitaria de Vigo, márcanse máximas limitacións tamén nos concellos de Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Mondariz e Salceda de Caselas. Na área sanitaria compostelá colócanse no nivel máis alto de restricións  Ordes, Teo, A Baña, Negreira, Padrón, Rois, Dodro, Touro, Arzúa e Silleda, mentres que na área de Ferrol, engádense ao grupo Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, San Sadurniño e Valdoviño.

Tras sumar estes 56 concellos, Galicia pasará a ter 116 municipios no nivel máximo de restricións, o que supón un 72% do total da súa poboación.