Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz debate unha cuestión de confianza vinculada á aprobación orzamentaria

Para este mércores hai convocada unha sesión extraordinaria do Pleno da Corporación Municipal que se transmitirá en directo polo Facebook institucional a partir das 20:30 horas

O Pleno da Corporación Municipal de Mondariz debate este mércores, 9 de decembro, sobre unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos Orzamentos Xerais para 2021, na que o alcalde, Xosé Emilio Barros, pon en xogo a súa continuidade no cargo, xunto ao seu equipo de Goberno.

“Confiabamos en actualizar os orzamentos municipais pola vía do consenso para responder ás necesidades de Mondariz, xa que entendemos que é unha responsabilidade común da Corporación Municipal. Durante ano e medio tendimos a man aos grupos de oposición a través de reunións periódicas para que manifestasen os seus puntos de vista durante a elaboración do plan orzamentario para 2020, pero nos atopamos co rexeitamento de AporM e PP no Pleno da Corporación Municipal, un rexeitamento que non veu acompañado de propostas concretas de mellora e resulta totalmente destrutivo para o mantemento dos servizos más básicos que presta o Concello”, explica Barros. 

Ao non seren aprobados polo Pleno da Corporación Municipal os Orzamentos Xerais para 2020 e para 2021 en xullo e novembro deste ano, Mondariz funciona a día de hoxe cun desactualizado plan orzamentario pensado para 2017 que obriga a facer malabares a calquera goberno e, aínda así, non pode funcionar correctamente porque carece de partidas orientadas ás necesidades reais do Concello. 

A cuestión de confianza vinculada á aprobación orzamentaria, que xa se empregou en Mondariz nos anos 2015 e 2016, é un instrumento legal ao que pode recorrer a Alcaldía para poder superar situacións de bloqueo político que afecten ao normal funcionamento do goberno. No caso de que o alcalde non sexa ratificado no seu cargo, a oposición deberá presentar unha moción de censura cunha candidatura á Alcaldía que estea respaldada por unha maioía absoluta. 

“Aprobar uns Orzamentos Xerais para 2021, especialmente despois da crise sanitaria e económica que vivimos este ano, é fundamental. As consecuencias de non facelo e continuar co plan orzamentario que se leva prorrogando desde 2017 poden ser nefastas para Mondariz, tendo en conta que hai obrigas financieiras coa Xunta de Galicia relacionadas co centro de día e coa regra de gasto que veñen da pasada lexislatura. Os principais grupos de oposición (AporM e PP) tiveron a oportunidade de actuar con responsabilidade e non o fixeron. A cuestión de confianza, polo tanto, converteuse nunha cuestión de responsabilidade por parte do goberno”, comenta Barros.