Sábado, 3 Maio de 2025

Éxito absoluto da performance ‘A última cea’ de Uxía Morán nos actos do 25N do Concello de Redondela

A alcaldesa Digna Rivas, nomeou ás mulleres asasinadas no 2020 “porque non son números, son persoas, son vítimas e detrás de cada nome hai orfos e orfas e a historia dunha traxedia”

Ante ameaza de choiva, o Multiúsos da Xunqueira foi o escenario escollido para desenvolver o acto institucional conmemorativo do 25N do Concello de Redondela e no que Uxía Morán, con ‘A última cea’ foi a encargada de visibilizar a través dunha performance “moi dura”, a traxedia das mulleres que sofren diariamente a violencia machista nas súas máis diversas expresións.

Os actos abríanse cun minuto de silencio que, como sinalaría posteriormente a alcaldesa e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, “era un berro silencioso de toda a sociedade pedindo o fin da auténtica lacra social do século XXI: a violencia machista”.

De seguido, e no paseo da Xunqueira, Uxía Morán representaba, con toda a dureza, a historia dunha muller “reflexo de moitas mulleres” sinalaría despois, que soña “cunha voda ideal, un matrimonio ideal e unha vida ideal ata que todo iso esvaécese e comeza o maltrato, o golpe, a fractura o trauma”. Cun dramatismo absoluto e vestida de noiva, os movementos de Uxía Moran amosaban o intento desesperado desa muller por seguir vivindo esa ilusión.

“Non saberemos nunca –afirmou a actriz– se esa muller sobreviviu, se tivo o valor de quitar ese vestido, se puido aprender e se conseguiu refacer a súa vida ou non o conseguiu, como outras moitas que non están xa con nós”.

Visiblemente emocionada, Uxía Morán, apuntou que “actos como este, son para lembralas e para lembrarlle á sociedade que aí fora hai moitas mulleres que precisan de axuda”.

Trala performance que a ninguén deixou indiferente é que foi cualificada polos presentes como de “terriblemente dura”, Josua Mateo, fillo da asasinada pola violencia machista, Sesé Mateo, lía un manifesto cargado de reinvidicación e no que lembraba a loita das irmás Mirabal, ‘As bolboretas’, polos dereitos humanos e contra calquera tipo de opresión, loita que lles custaría a vida pero que marcaría o camiño a seguir.

Na súa intervención a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que este acto tiña como obxectivo “visibilizar a senrazón da violencia machista, pero –afirmou– a loita contra esta barbarie non se pode cinguir a un só día, senón que ten que ser unha labor continuada dos 365 días ao ano e unha labor conxunta de toda a sociedade”.

A actuación de Uxía Moran, engadiu, “ofrécenos unha visión única do horror que viven as mulleres que sofren malos tratos, sexan estes do tipo que sexan. Tiven a oportunidade de mirala por primeira vez no 2017 en Tomiño, sendo deputada de Cohesión Social e, á hora de elaborar este programa, non tiven ningunha dubida sobre a necesidade de traela porque era a mellor forma de deixar ao descuberto a barbarie da violencia sobre as mulleres”.

Nas súas palabras, a alcaldesa de Redondela nomeou algunhas das mulleres asasinadas no 2020 “porque non son números, son persoas, son vítimas e detrás de cada nome hai orfos e orfas e a historia dunha traxedia”.

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, adiantou que Josua Mateo, en colaboración con profesionais directamente implicados na loita contra a violencia machista, como pode ser a Asociación de Mulleres Xuízas, “está a elaborar un protocolo de actuación para os casos de violencia machista, para poder orientar ás persoas vítimas dese horror”.