Mércores, 7 Maio de 2025

A Deputación leva ao Mercado do Tomiño a mostra das “Barbies” intervidas para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia de xénero

A exposición “Rompe. Xoga en Igualdade” da Deputación pode visitarse desde este mércores no primeiro andar do Mercado Municipal ata o vindeiro 20 de decembro

A exposición artística “Rompe. Xoga en Igualdade” da Deputación de Pontevedra chega este mércores ao Concello de Tomiño para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista. A mostra, que ten por obxectivo denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres a través de escenas representadas por bonecas “Barbie” intervidas, permanecerá exposta ata o 20 de decembro no primeiro andar do Mercado Municipal da localidade.

Esta exposición de poesía visual, elaborada polas artistas Isabel Blanco e Irene Silva, ten como fin cambiar o mundo e golpear as conciencias. Trátase dunha mostra itinerante que conta con 18 paneis que amosan ás famosas bonecas “Barbie” intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres, e que se completa coas fotografías de Noemí Chantada. Deste xeito, pretende “romper” e reivindicar a igualdade, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e home e do fin da discriminación e da violencia contra o 52% da poboación.

A mostra pódese visitar ata o 20 de decembro no Mercado Municipal, e o seu horario ao público é de luns de 9 a 14 horas; os martes, mércores, xoves e sábados de 9 a 15 horas e de 17 a 23 horas; os venres de 9 a 23 horas e os domingos de 10 a 15.30 e de 17 a 23 horas.