Martes, 13 Maio de 2025

Dúas persoas feridas tras colidir catro turismos na A-55

Un total de catro coches que circulaban pola A-55, dirección Vigo, en Petelos, á altura do concello de Mos, colidiron por alcance a tarde de onte e dúas persoas resultaron feridas.

Faltaban dez minutos para as 17:30 horas, cando varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar da colisión e, a partir de aí, aínda que non aseguraban se había persoas feridas, desde o centro de emerxencias pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tamén foron avisados os axentes de Tráfico, da Policía Local, os Bombeiros de Baixo Miño, os membros do Servizo de Emerxencias Municipal de Mos e o persoal do servizo de mantemento da estrada.

Segundo informaron os membros de Protección Civil, os dous feridos foron trasladados polos servizos sanitarios á Clínica Fátima de Vigo.