Mércores, 14 Maio de 2025

Mos vólcase na formación e o fomento do emprego en tempos de crise económica pola Covid-19

O Concello logra unha prórroga do V Programa Integrado de Emprego, que xa logrou 54 usuarios traballando na actualidade e outros 18 máis que traballaron nalgún momento desde o inicio do programa

A alcaldesa de Mos e a concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, anunciaron hoxe dúas boas novas en materia de formación e fomento do emprego, tales como a prórroga concedida pola Xunta de Galicia de dous meses máis para o Programa Integrado de Emprego e o inicio do curso AFD de soldadura, con subvención autonómica tamén.

O V Programa Integrado de Emprego de Mos que remataría hoxe pasará a finalizar o 20 de decembro de 2020. Esta nova data implica tamén un aumento da subvención, por un importe total de 29.246,58 euros que, sumados á contía do proxecto inicial, 250.000 euros, computan unha axuda con importe total de 279.246,58 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.

O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia foi iniciado no pasado mes de decembro de 2019 con 100 persoas usuarias de diferentes perfís profesionais, grupos de idade entre os 17 e os 61 anos, e conta con 59 mulleres e 41 homes en busca activa de emprego. 

Destas 100 persoas, e a pesar da crise sanitaria da COVID-19, actualmente están traballando 54 e outras 18 máis traballaron nalgún momento desde o inicio do programa, o que fai un total de 72 insercións laborais.

Debido ó establecemento do estado de alarma provocado pola crise da COVID19, produciuse unha paralización das accións presencias do Programa integrado desde o 13 de marzo ata o 1 de xullo de 2020.

Por outra banda a semana pasada comezaron as clases os/as 10 alumnos/as do curso AFD de Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG tamén subvencionado pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Trátase de formación práctica de calidade e con futuro xa que, ao terminar, ós alumnos entregaráselles un diploma acreditativo do  Certificado de Profesionalidade, da familia profesional de Fabricación Mecánica, área profesional da construción metálica: “Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG”.

A subvención autonómica concedida para a realización deste curso AFD (Acción Formativa para Desempregados) ascende a 76.733,10 euros.

Trátase dunha acción formativa cunha duración total de 670 horas que está a ser impartida por parte da Axencia de Colocación do Concello de Mos, que continúa a priorizar as políticas de formación, emprego e inserción laboral nestes duros momentos de crise económica derivada da COVID-19. As competencias a adquirir polo alumnado durante a acción formativa son a realización de soldaduras e proxeccións térmicas por oxigás, soldaduras con arco baixo gas protector con eléctrodo consumible (MIG, MAG) e proxeccións térmicas con arco, de acordo coas especificacións dos procedementos de soldeo (WPS).  As materias que se imparten son prevención de riscos laborais, interpretación de planos, procesos de corte e preparación de bordos, Soldadura Oxigás, Soldadura MAG de chapas e estruturas de aceiro ao carbono e Soldadura MIG de aceiro inoxidable e aluminio. Tras o curso os/as alumnos/as terán 40 horas de prácticas non laborais  en empresas cuxo obxectivo é que poidan por en práctica os coñecementos adquiridos nun ambiente real de traballo.  Ademais, estes alumnos formaranse para acceder ao mercado laboral como soldadores e serán inscritos na bolsa de emprego “https://mos.portalemp.com/”, dende onde se realizará unha intermediación laboral con empresa do sector para conseguir a súa inserción laboral.