Domingo, 11 Maio de 2025

Cruz Vermella O Condado inicia a campaña de venda para o Sorteo do Ouro que se celebrará o 26 de novembro

O Sorteo de Ouro de Cruz Vermella leva máis de 40 anos apoiando aos colectivos máis vulnerables; e este ano, debido ás consecuencias da Covid-19 é máis importante que nunca

Cruz Vermella O Condado inicia a venda dos boletos para o Sorteo do Ouro. Por primeira vez nos seus 40 anos de historia, o Sorteo de Ouro aprazou a súa cita anual de xullo para o próximo 26 de novembro, debido á pandemia.

Cruz Vermella puxo en marcha o Plan RESPONDE, un plan concreto de actuación e resposta integral para atender ás persoas máis vulnerables afectadas por esta crise e que supuxo a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas na historia de Cruz Vermella. Grazas a este plan, en Redondela atendeuse a máis de 400 persoas. Isto foi posible grazas a quen co seu apoio e solidariedade fan que as cousas cambien. Desde o inicio da crise, Cruz Vermella intensificou a súa actividade traballando activamente na emerxencia sanitaria e social.

O Sorteo de Ouro é fundamental para o desenvolvemento de todo o labor solidario de Cruz Vermella. Debido ás consecuencias provocadas pola COVID-19 o sorteo deste ano é máis importante que nunca.

Baixo o lema “Son fan das persoas que fan que as cousas cambien”, o Sorteo de Ouro renderá tributo a quen, durante estes meses, fixeron do compromiso e a solidariedade o seu modo de vida. Coa campaña deste ano colaboran Luz Casal, Amaia Salamanca, Pablo López e Vanesa Martín, declarándose fans das persoas que fan que as cousas cambien. O seu apoio está reflectido nos boletos, que xa saíron á rúa, e que representan diferentes causas postas en marcha por Cruz Vermella. Ser fan significa querer cambiar a vida de miles de persoas en situación de vulnerabilidade.

Un ano máis, Cruz Vermella e o Sorteo de Ouro, teñen o pracer de contar cun amplo respaldo da sociedade española, coa mobilización do seu voluntariado e dos socios e socias, traballadores e traballadoras e empresas e organizacións asociadas na venda de boletos do Sorteo de Ouro. Grazas a este gran apoio, Cruz Vermella pode achegar os boletos a cada vez máis persoas.
A través do Sorteo de Ouro ofrécese unha fórmula máis de colaboración para desenvolver mellor o seu labor e estar alí onde máis se necesita:

  • CON 1 BOLETO (5€)
    Unha persoa poderá acceder a unha caixa de primeiros auxilios de produtos básicos.
  • CON 4 BOLETOS (20€)
    Un neno ou nena poderá obter unha mochila completa con material escolar.
  • CON 12 BOLETOS (60€)
    Unha muller vítima de violencia de xénero poderá ter aloxamento e atención psicolóxica de emerxencia durante un día.

A solidariedade ten premio

O ano pasado, no Sorteo de Ouro incorporáronse novos premios, para facer posible que a sorte se reparta aínda máis. Súmanse máis terminacións premiadas, é dicir as 4 últimas cifras dos boletos gañadores tamén obterán premio.

Cada boleto do Ouro custa cinco euros e con esta cantidade pode tocar un primeiro premio 3.000.000 euros (); un segundo de 1.000.000 de euros (); un terceiro de 500.000 euros (); tres cuartos de 250.000 euros e tres quintos de 100.000 euros (); así como centos de premios máis de menor contía que suman un total de 7.000.000€ repartidos en ata 11.700 premios. Aínda que o verdadeiro valor de cada boleto é facer posible que as cousas cambien.

(*) ou o seu contravalor en ouro.