Sábado, 3 Maio de 2025

A Guarda establece un dispositivo de tráfico ante o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

O Concello da Guarda vén de dar a coñecer o dispositivo de tráfico que o executivo local poñerá en marcha ante o ‘XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia’, acontecemento multitudinario, que se vai celebrar na Guarda entre os días 11 e 14 de xullo. O dispositivo de tráfico está deseñado sobre a base dunha circulación restrinxida na zona do porto, onde se desenvolverán as principais actividades do encontro.

O concello facilitará zonas de aparcamento disuasorios situadas no antigo campo de fútbol, o aparcamento sito entre a Rúa Mariano Ordoñez e a Rúa Brasil coñecido como da Eléctrica, a zona de aparcamento sito na zona da Atalaia e a Canteira de Sta. Catalina.

O acceso ao porto da Guarda restrinxirase, entre as 11:00 h e as 22:00 h, ás actividades portuarias e pesqueiras, residentes, hoteis, provedores, así como a persoas con discapacidade.

O teniente alcalde da Guarda e concelleiro de mobilidade, Anxo Baz, fixo un chamamento “á colaboración de todo o pobo”. Baz, subliñou que o “XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais, supón un dos eventos máis importantes en termos de mobilidade celebrado nos últimos anos na nosa vila, onde é imprescindíbel o uso responsábel do coche, así como, a participación cidadá”.

O concelleiro de Mobilidade explicou que o dispositivo preparado “está amparado nos 14 anos de experiencia que Culturmar ten na celebración deste tipo de eventos, onde a Asociación Piueiro e o voluntariado teñen posto grandes esforzos humanos e técnicos, os cales agradecemos, para garantir o disfrute de todas aquelas persoas que nos visitan”.