Sábado, 3 Maio de 2025

Feridos unha vintena de pasaxeiros dun autobús que bateu contra un cabalo en Oia

Unha vintena de persoas resultaron feridas como consecuencia dun choque entre un autobús e un cabalo na PO-552, ao paso polo concello pontevedrés de Oia.

A maior parte dos feridos, os máis leves, foron trasladados nun autocar da mesma compañía ao centro hospitalario de referencia, mentres que os que presentaba lesións de maior consideración, en concreto sete pasaxeiros, foron evacuados en ambulancias aos diferentes hospitais da zona.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente preto das once da noite pasada, tras recibir a chamada de alerta dalgún pasaxeiro e do condutor do autobús, que explicou como bateu contra o animal e iso lle fixo perder o control do autocar ata envorcar sobre un lado.

Malia situación na que quedou o vehículo, os pasaxeiros lograron saír polo cristal traseiro do vehículo sen que fose necesaria a intervención dos equipos de excarceración. Por iso, descartouse a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño, que xa estaba avisados, aínda que si participaron os membros do GES de A Guarda e Val Miñor co obxectivo de garantir a seguridade na zona e prestar a colaboración aos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que traballaban no lugar do accidente.

Cómpre indicar que o autocar realizaba o traxecto de A Guarda á Citroën de Vigo cando sufriu o accidente que mantivo a circulación cortada entre os quilómetros 27,8 e 28,2 da PO-552. O persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas encargouse da retirada dos restos causados polo impacto e o restablecemento das condicións de seguridade ata que esta mañá puido quedar habilitada de novo para a circulación.

Por suposto, neste operativo tamén foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico, que chegaron á zona organizados en diversas patrullas.