O Concello das Neves estreou onte sábado un documental que realizado por Daniel Pérez baixo o título ‘O comercio que nos coida’ buscaba poñer en valor a importancia do traballo relizado por as e os comerciantes nas primeiras semanas do estado de alarma, “semanas nas que o comercio local xogou un papel fundamental”, asegurou o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez.
O acto, conducido pola concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, tivo lugar ás 21:00 h na Praza Maior, e contou coa presenza de máis de 100 comerciantes e empresarios e empresarias das Neves.
Para pechar a noite, a Banda de Música Popular de Rubiós, ofreceu un pequeno concerto, coa interpretación de seis pezas. Trátase da súa primeira actuación dende que fora decretado o ‘Estado de Alarma’.

Cumprindo coas medidas sanitarias e de protección, o lugar onde se desenvolveu o acto, estivo delimitado, e as cadeiras previamente asignadas, estaban distribuídas mantendo a distancia de seguridade. Ademais, era obrigatorio o uso de máscara e a desinfección das mans con xel hidroalcohólico á entrada no espazo.
Programa de formación para o comercio local
Aproveitando o acto de presentación de ‘O comercio que nos coida’, o Concello tamén presentou un programa de formación dirixido ao comercio local que se levará a cabo no que resta de ano, e que ten o obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario pos-COVID.
Este programa de formación, que será en liña, vai desenvolverse en dúas fases: unha primeira de seis sesións impartidas durante o mes de setembro, e unha segunda con titorías individuais os tres meses seguintes. A inscrición pode facerse, ata o vindeiro mércores, día 9, a través desta ligazón.