Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello das Neves cede ao SERGAS o espazo da antiga escola infantil para ampliar o Centro de Saúde

O Concello das Neves, tal e como anunciara hai varios meses o Goberno local, cederá o ámbito da antiga Escola Infantil ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a ampliación do Centro de Saúde da Vila que gañará, así, máis de 50 metros cadrados. A que ata este curso foi a Escola Infantil da vila, está no baixos do mesmo inmoble que ocupa o Centro de Saúde.

Este mércores, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, estivo nas Neves para coñecer as novas intslacións e ultimar o traspaso das mesmas. Acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; a concelleira de Servizos Sociais, Pilar González Casas; a directora do Centro e persoal do mesmo, o xerente comprobou que o espazo que ocupaba a Escola Infantil está en perfecto estado e que, logo de pequenas modificacións, pode empregarse en só uns días.

No tempo no que se realizan eses cambios –que pasan pola retirada do mobiliario e enseres que quedaban por levar á nova Escola, pintura, limpeza e desinfección– o Concello e o Servizo Galego de Saúde asinarán o convenio de cesión, un trámite que, subliña Xosé Manuel Rodríguez, farase por un procedemento de ‘urxencia’ e que estará rematado xa a vindeira semana.

O novo espazo, tal e como acordaron o alcalde e o xerente da Área Sanitaria, acollerá unha unidade de atención a persoas que poidan presentar síntomas de coronavirus que disporá de respiradores e estará separada do resto das dependencias. A intención do Concello e do Sergas é que “o Centro de Saúde poida dispoñer deste espazo de xeito inmediato”, subliña o rexedor quen salienta e agradece a “colaboración e excelente coordinación entre o Concello das Neves, a dirección e persoal do Centro de Saúde e o Servizo Galego de Saúde durante a pandemia”.