Domingo, 4 Maio de 2025

O Goberno redondelán iniciará os traballos de mellora e ensanche do camiño Casal do Monte en Saxamonde

O mércores 19 de agosto a alcaldesa e membros do equipo de Goberno manterán unha reunión coa veciñanza para dar a coñecer este proxecto e tratar outros temas de interese para a parroquia

O Concello de Redondela iniciará, en videiras datas, as obras de mellora e ensanche do camiño Casal do Monte, na parroquia de Saxamonde, actuación subvencionada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que foi adxudicada por importe de 103.608 euros. A actuación estenderase nun treito de aproximadamente 400 metros partindo do entronque co camiño da Vía Vella, e permitirá o ensanchado do camiño ata un ancho mínimo de plataforma de 5,5 metros que, posteriormente será asfaltado cunha capa de 6 centímetros.

Dada a existencia de elementos de drenaxe como son cunetas e canos, as obras inclúen tamén á súa limpeza con medios mecánicos ou manuais, segundo as necesidades, e o revestimento da cuneta en formigón así como a limpeza dos canos que se atopan obstruídos e execución de novos canos en puntos estreitos da vía de xeito que se dea continuidade ao drenaxe lonxitudinal.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou tamén o feito que no proxecto “de cara minorar a afección de parcelas privadas, executaranse muros de contención cunha altura máxima de 4 metros e situados a 4 metros do eixo da vía”.

En canto as redes de abastecemento e saneamento, o proxecto sinala que se atopan “en bo estado e non se verán afectadas polas obras” o que no acontece coas redes aéreas nas que se prevé a afección dalgún poste o seu traslado por parte da compañía correspondente.

Para dar conta desta actuación e doutras que afectan á parroquia, o Goberno local convocou unha reunión veciñal o vindeiro mércores, 19 de agosto ás 19 horas na ‘Escuelita’. Segundo adiantou Digna Rivas, amais de explicar o proxecto das obras do camiño Casal do Monte, “a reunión servirá tamén para poñer sobre a mesa outros temas de interese para a parroquia como a sinalización de cruces, reparacións de calzada, rozados, limpeza de cunetas, reparación de marquesinas das paradas de autobuses” e outras actuacións que foron solicitadas, vía rexistro do Concello, pola asociación de veciños ‘Fonte de San Román’ de Saxamonde.

Esta reunión, apunta Digna Rivas, responde á intención “clara e rotunda” do Goberno local de que “veciñas e veciñas saiban, con detalle, as actuacións que se van desenvolver nas súas parroquias e que poidan ser partícipes das mesmas”.