Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Redondela traslada á Xunta a preocupación de familias e ANPAS polo protocolo para o inicio do curso escolar

A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros reuníronse en Pontevedra co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares

Trasladar a enorme preocupación tanto das familias de Redondela coma das ANPAS ante o inicio dun curso escolar cun protocolo que presenta serias dúbidas, foi un dos obxectivos da reunión que no día de onte mantiveron, en Pontevedra, a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

A Xunta, segundo despréndese da xuntanza mantida co responsable provincial de Ensino, “non prevé ningún tipo de flexibilización sobre as medidas xa anunciadas que son postas en entredito por toda a comunidade escolar”, apunto a alcaldesa Digna Rivas.

Así, tal e como se lles explicou, a Consellería optar por facer “burbullas de 25 nenos e nenas que só teñan contacto entre eles pero con ninguén máis do centro escolar e sempre tentando manter a distancia de seguridade”, explica a concelleira Olga García.

A mesma medida de non ‘mesturar’ alumnos de diversos grupos, tamén sería aplicable ao comedor escolar e zonas comúns. No que ás actividades extraescolares fai referencia, “realizaranse aquelas actividade de grupo na que non haxa contacto directo entre o alumnado e priorizando as realizadas de modo telemático”.

Considera a Xunta de Galicia que as medidas a tomar son esas aínda que si contempla, como lle adiantou López Ares ás representantes municipais “partidas específicas para os centros escolares destinadas a afrontar a COVID-19”.

En cambio, non se considera en ningún caso unha liña de axudas para os concellos que veranse obrigados a realizar tres desinfeccións diarias nos centros escolares cando, antes da pandemia, facíase unha. Esta medida, explica a alcaldesa Digna Rivas, “supón un enorme sobreesforzo económico xa que o custo anual de limpeza de centros escolares triplícase”.

En todo caso, o Concello de Redondela solicitou unha reunión “urxente” coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para tratar estes temas “que espertan unha enorme preocupación entre a veciñanza porque se está a falar da saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas”.