A Concellaría de Eventos do Concello de Ponteareas, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, organiza este vindeiro domingo, 9 de agosto, o “Día da Infancia” que contará con actividades ‘refrescantes’ e moita creatividade.
Será unha homenaxe aos seus veciños e veciñas máis cativos e cativas cun tobogán acuático e un obradoiro de pompas, poñendo fin ao día cun espectáculo de pompas de xabón.
“Esta xornada está pensada para compensar á infancia polo seu bo comportamento durante a dura etapa do confinamento”, explica Cristina Fernández, “sabemos o moito que lles preocupa aos máis pequenos e pequenas a saúde dos seus familiares e que viven pendentes das normas de seguridade tendo un comportamento exemplar”.

Fernández Davila salientou que estas actividades foron demandadas polos nenos e nenas “nos procesos de participación infantil abertos que teñen como obxectivo crear un concello mais amigable coa infancia”. “Estas peticións foron manifestadas polos participantes no Pleno Infantil celebrado o pasado mes de xuño. Deste xeito, queda cumprido o compromiso acadado con eles”, asegura a concelleira.
Así, de 11 a 20 horas o super tobogán tomará a rúa Braña para refrescarse do xeito máis divertido. Ás 20 horas a festa continuará no parque da Feira Vella donde terá lugar o obradoiro de pompas que culminará cun marabilloso espectáculo de xigantescas pompas ás 22:30 horas.
A concellaría extramará as precacucións establecendo un estricto protocolo de desinfección, toma de temperatura e acceso ás actividades. Grazas ao traballo participativo coa mocidade e coa infancia “Ponteareas posiciónase máis perto do recoñecemento de Unicef como cidade amiga da infancia”, conclúe Cristina Fernández.