O Concello de Nigrán e o centro Juan María veñen de asinar un convenio para financiar o proxecto ‘Lecer para todos 2020’ (campamento urbano) por importe de 2.500 €, aumentando así nun 250% a habitual aportación económica, que nesta ocasión foi incluída no Orzamento 2020 como partida específica a tal fin. Así, durante as tres primeiras semanas do mes de agosto, unha ducia de persoas con discapacidade intelectual beneficiaranse deste programa de actividades de lecer e tempo libre en horario de 10:00 h a 14:00 horas de luns a venres.
Tal e como sinalan no propio CEE Juan María, debido a crise sanitaria a necesidade desta alternativa de ocio aumenta considerablemente porque as persoas con discapacidade e as súas familias levan desde marzo sen poder acceder a ningún servizo ou actividade. Así que o obxectivo é ofrecer un servizo de apoio ás familias/coidadores que favorezan a conciliación e, ao mesmo tempo, ofrecer ao usuario unha ferramenta que favoreza o desenvolvemento persoal e a participación na vida social.
Para este campamento será preciso a contratación de sete persoas cualificadas que, ante a alarma sanitaria do COVID-19, distribuirán aos participantes en tres grupos de 4 persoas que se xestionarán de forma autónoma sen contacto co resto para minimizar calquera posible transmisión.
O campamento incluirá actividades tales como saídas á praia, roteiros de sendeirismo, visitas culturais ou obradoiros.