O Concello de Redondela desenvolveu onte traballos de desinfección exterior nos catro centros de día que funcionan no municipio ante o inminente inicio da súa actividade. O Goberno redondelán ofreceuse a realizar estas tarefas para “garantir, en todo momento, a seguridade sanitaria dos veciños e veciñas que utilizan estes servizos”.
Os catro centros de día do municipio –Arela, Cesantes. Cortizos e Galeón– reinician hoxe mércores a súa actividade logo de estar suspendida dende o inicio do estado de alarma.

A alcaldesa Digna Rivas, asegurou que “salvagardar a saúde dos nosos veciños e veciñas é prioritaria” motivo polo que o Goberno local ofreceuse a realizar dita desinfección da contorna destas instalacións para garantir un acceso seguro.
Doutra banda, a alcaldesa de Redondela dende a súa faceta de concelleira da Terceira Idade, considera “incomprensible” o atraso na reapertura destes centros cos “prexuízos en deterioro cognitivo e social que iso supuxo para os usuarios e usuarias e os prexuízos que isto supuxo para as súas familias”.
Asemella que o goberno galego “tiña posta a mirada noutros temas para eles máis interesantes que o benestar emocional das persoas usuarias destas instalacións”, asegura Digna Rivas.