Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta retíralles ás universidades a proposta de programa voluntario de impulso á “implantación da docencia mixta”

A retirada responde, segundo a Consellería de Educadión "á utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos"

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional retíralles ás universidades a proposta de programa voluntario de impulso á implantación da docencia mixta que lles foi anunciado o pasado 6 de maio aos reitores e ao que deran a súa conformidade. A Secretaría Xeral de Universidades adoptou esta decisión ante a utilización para a confrontación que están a facer determinados colectivos da iniciativa proposta, coa que, no marco da aposta por un ensino público de calidade, unicamente busca potenciar no Sistema Universitario de Galicia (SUG) a docencia semipresencial (coñecida como blended learning), como xa están a facer diversas universidades de todo o mundo.

Para a Xunta, o esforzo feito polas universidades galegas tras a suspensión de clases presenciais para potenciar sistemas de avaliación continua e exames finais en liña podería ser a base para seguir avanzando cara a semipresencialidade en determinados graos, sempre de xeito voluntario tanto para os centros como para o alumnado.

Con este obxectivo, a Consellería de Educación propuxo a creación dun grupo de traballo con representación das propias universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACSUG), de Feuga e do Sergas para facilitarlles aos centros documentos sanitarios e de programación docente. Como punto de partida remitíuselles un borrador de documento coa proposta de accións, para que revisasen e fixesen as correspondentes achegas. Tratábase dun programa voluntario no que as universidades, mediante unha declaración de interese, presentarían os centros interesados en afrontar a implantación o vindeiro curso.

Desde a Secretaría Xeral de Universidades laméntase que o alumnado das universidades públicas galegas perda esta oportunidade de dispoñer de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o vindeiro curso. Deste xeito, as universidades que desexen transformar algún título de grao á modalidade semipresencial poderán facelo co calendario habitual deste proceso, que remata o 1 de agosto de cada ano, e se implantaría no curso 2021/2022.