Este martes, 12 de maio, reuniuse no salón de plenos do concello da Guarda a Mesa de Negociación para dar traslado dos traballos que se están realizando por parte do equipo de Goberno dende o inicio do estado de alarma, o 14 de marzo, e tamén da elaboración de protocolos previos á reapertura de determinados servizos. Esta semana procedeuse a atender, con cita previa, na Biblioteca Municipal, no Punto Limpo, así como na Casa do Concello.
Nesta reunión, o alcalde, Antonio Lomba, trasladou aos membros do comité de empresa e aos representantes dos sindicatos a elaboración dun protocolo de servizos administrativos, elaborado por funcionarios municipais, documento que se remitiu aos traballadores e que está aberto ás modificacións que sexan necesarias para adaptarse á situación cambiante que xera o coronavirus. Neste documento se establece como forma de traballo preferente o teletraballo, que foi a fórmula que se adoptou dende o inicio de estado de alarma por parte dos servizos administrativos do concello, facéndoo compatible co necesario traballo presencial, para atender as necesidades dos veciños da localidade, a través de cita previa para evitar o risco de contaxio. Hai que sinalar que outros departamentos do concello, considerados esenciais, están traballando de xeito presencial dende o inicio do estado de alarma, tales como servizos sociais, policía local, Ges, persoal de servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e vías e obras.

Tamén se informou da elaboración dun protocolo para a implantación de medidas preventivas nos diferentes edificios ou lugares onde se reinicia a actividade, a este protocolo guía se irán incorporando, como anexos, protocolos específicos como o do albergue, biblioteca ou oficina de turismo, entre outros. Para esta adecuación o concello da Guarda ten establecido unha liñas de actuación para posibilitar a distancia social de 2 metros. Procedeuse a compra de mamparas, determináronse uns itinerarios de seguridade, reforzouse a limpeza e desinfección non inmobles e colocáronse dispensadores de hidroxel, entre outras medidas.
A resposta da cidadanía a este retorno está sendo moi positiva, facendo uso maioritario da atención telefónica e con cita previa, posibilitando que non se produzan acumulación de persoas, nin colas de espera e permitindo unha atención adecuada do servizo.