Domingo, 4 Maio de 2025

Salvaterra crea un grupo de voluntariado para coser máscaras de protección que serán repartidas entre a veciñanza

O Concello de Salvaterra vén de poñer en marcha un grupo de voluntarios e voluntarias que se encargarán de confeccionar máscaras de protección que, posteriormente, serán repartidas entre todos os veciños e veciñas.

O material para confeccionar estas máscaras de protección, mercarase coa achega do 30 % que farán a alcaldesa e os concelleiros e concelleiras de Salvaterra de Miño con dedicación para iniciativas na loita contra o COVID-19.

As máscaras que se entregarán son lavables a temperatura de 60-90 graos e recoméndase lavalas con frecuencia, sinalan dende o concello de Salvaterra. A alcaldesa, Marta Valcárcel, lembra que a utilización de máscaras de protección non implica “que se esquezan de adoptar as demais recomendacións como lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar solución hidroalcohólica, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca e manter a distancia de seguridade”.

O Concello lembrou tamén que ten mascarillas quirúrxicas a disposición de todas as persoas de risco que teñan que desprazarse a un centro hospitalario. Poden solicitarse no teléfono 697 911 050 en horario de 9 h a 13 horas.