Sábado, 10 Maio de 2025

Nigrán tínguese de azul para concienciar á cidadanía sobre o autismo

Desde o goberno local subliñan o dereito a saídas terapéuticas deste colectivo durante o estado de alarma. “Por suposto que non teñen que levar ningún distintivo (...), amosemos todos comprensión e respecto e non prexulguemos a ninguén desde o balcón”

Un ano máis o Concello de Nigrán uniuse á Fundación Menela para tinguirse de azul, esta pasada noite, coincidindo co Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Nesta ocasión celébrase baixo o lema ‘Podo aprender. Podo traballar’, dous eixos claves para a inclusión e mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias: a educación e o emprego.

Juan González: “As súas saídas son por saúde e por suposto que non teñen que levar ningún distintivo para exercer o seus dereitos”

Nesta situación, marcada pola crise sanitaria do Covid-19, o Concello de Nigrán subliña o dereito a saídas terapéuticas deste colectivo e acompañantes (instrucción do 19 de marzo de 2020 do Ministerio de Sanidade). “As súas saídas son por saúde e por suposto que non teñen que levar ningún distintivo para exercer o seus dereitos, amosemos todos comprensión e respecto e non prexulguemos a ninguén desde o balcón”, indica o alcalde, Juan González.

No marco desta campaña que en Nigrán promove a Fundación Menela (xestiona un centro de atención a persoas con este trastorno en Priegue ) o movemento asociativo e o Concello súmanse á iniciativa mundial Light It Up Blue (#LIUB), promovendo a iluminación en azul de edificios e monumentos emblemáticos do noso país, como mostra de solidariedade coas persoas con TEA e as súas familias.