Domingo, 4 Maio de 2025

A Guarda adopta o primeiro paquete de medidas económicas fronte a alarma do coronavirus

Ante a situación de emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19 e a situación de declaración de estado de alarma por parte do Goberno de España, estado que alongarase, en principio, ata o 11 de abril, o Concello da Guarda vén de adoptar unha serie de medidas para afrontar a situación de crise das que se deu traslado aos diferentes grupos políticos. 

“Estamos diante dunha situación excepcional que require de medidas excepcionais” sinala o alcalde Antonio Lomba e así o Concello adoptou –e agora fai público– o primeiro paquete de medidas de carácter económico “que teñen como obxectivo minimizar, na medida do posible, o impacto negativo desta crise na economía de veciños e empresas na súa relación coa administración local”.

Para  iso, e despois de ter analizado a situación, o Goberno guardés tomou as seguintes medidas:

  1. Axilizar o pagamento ás empresas e subministradores do Concello para trasladar liquidez aos mesmos. Este pagamento está xa preparado e estamos en condicións de proceder ao mesmo de xeito inmediato.
  2. Atrasar a data da domiciliación de diferentes taxas  para despois do remate do estado de alarma.
  3. Ampliar o período de pagamento para a totalidade das taxas e impostos, pasando dun período  de 2 meses a tres meses. Retrasar o inicio do imposto de vehículos, que estaba previsto para inicios do mes de abril, ata  o 1 de maio.
  4. Asi mesmo o concello de A Guarda  procederá á devolución aos particulares do importe correspondente a servizos que non se realizaron como por exemplo as andainas, pilates ou  ximnasia senior.
  5. Respecto da escola infantil, non se pasará ao cobro o importe polo tempo que permaneza pechada a instalación. Respecto do conservatorio imos esperar ao pronunciamento das autoridades educativas que están tomando en consideración  a ampliación do curso lectivo.

O Concello da Guarda adiantou que seguirá analizando a situación e terá en consideración “outras medidas” que poderán ser adoptadas en función de como vaia evolucionando a crise xerada polo COVID-19.

“Queremos trasladar á cidadanía e as empresas guardesas que, ante a situación excepcional que estamos vivindo, a administración local ten que ser quen de adoptar medidas tamén excepcionais tendo como único horizonte a protección das empresas e da veciñanza”, sinalou o alcalde Antonio Lomba.