Sábado, 10 Maio de 2025

Carmela Silva subliña “a extraordinaria resposta dos protocolos en Principe Felipe” logo de confirmarse o resultado negativo dun posible contaxio

A presidenta da Deputación garante “a política de total transparencia informativa e as medidas de reforzo no centro de menores aplicadas desde o inicio da crise”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou esta mañá o seu agradecemento á dirección e ao persoal de Príncipe Felipe “pola extraordinaria resposta de todos os servizos do centro de menores e pola estrita aplicación dos protocolos, ante o primeiro caso de sospeita dun contaxio dun neno que, finalmente, deu negativo no test de coronavirus”.

Silva recoñeceu que “estas últimas 24 horas foron complicadas ante a posibilidade de que existira un contaxio, pero sabíamos que os protocolos que aplicamos no centro desde o primeiro día da crise sanitaria funcionarían correctamente como ten sido. Coñecemos esta mesma mañá que o test que se lle practicou ao neno deu negativo e todas e todas estamos moi contentos”. “O resto das nenas e nenos atópanse ben e o persoal segue a traballar ao 100%, establecendo o seu traballo por quendas, dixo a presidenta, que engadiu que “amais dos protocolos propios, estanse a seguir todas os plans, actuacións e pautas indicados por Política Social. Sabemos que nos existe o risco cero, pero estamos en continua alerta aplicando todas as medidas preventivas”

O caso sospeitoso detectouse onte venres correspondente a un neno de 14 anos, do centro residencial Agarimo, que presentaba un cadro de infección respiratoria. Tras a revisión e valoración do persoal médico do centro, o neno foi trasladado á zona de illamento para posibles casos, xa habilitada desde o comezo da crise, e contactouse cos servizos de medicina preventiva que consideraron adecuado facerlle a proba do COVID19. O caso foi comunicado ao persoal que estaba en contacto diario co menor e trasladouse a súa familia que o rapaz fora tido posto en illamento preventivo. A proba foi realizada na tarde de onte e os resultados, que deron negativo en coronavirus, se trasladaron esta mañá ao persoal médico de Príncipe Felipe. Desde o momento de realización do test o rapaz foi supervisado por persoal de enfermería e polos seus educadores de referencia.

Agora mesmo o neno continúa con tratamento antibiótico para a infección respiratoria e evoluciona favorablemente. O persoal médico e a dirección de Príncipe Felipe uníronse esta mañá ao agradecemento da presidenta da Deputación pola colaboración e o compromiso das traballadoras e traballadores que estiveron en contacto co menor desde que se coñeceu o caso.

Polo demais, no centro séguese a aplicar o plan de acción e protección definido no Comité de Seguimento específico de Príncipe Felipe, no que están encadradas todas as medidas de hixiene e limpeza, que extremáronse ao máximo desde o inicio da crise sanitaria. De feito, tal e como estaba previsto, o próximo luns persoal da EFA Areeiro procederá á aplicación do protocolo de desinfección no exterior do centro, desde a entrada ata o vestíbulo, así como daqueles outros espazos que se determinen para garantir a extrema limpeza do recinto.

Carmela Silva, que o vindeiro mércores volverá a presidir o Comité do COVID19 de Príncipe Felipe, insistiu en que o centro “segue a ser a nosa principal área prioritaria en canto a súa protección porque estamos a falar do coidado e da seguridade de menores”.