Domingo, 4 Maio de 2025

O Concello de Ponteareas inviste máis de 95.000 euros na renovación de oito parques infantís

O Goberno local de Ponteareas procede, nestes días, á renovación de 8 áreas infantís do do municipio, traballos que se desenvolven no marco do Plan de Renovación de Parques Infantís Municipais iniciado xa no anterior mandato, segundo sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

Nestas semanas, a empresa adxudicataria dos traballos procede á retirada dos elementos deteriorados e á colocación dos novos xogos. O contrato para a mellora e renovación destas áreas infantís ten un custe total de 95.787,70 €, IVE incluído, financiado con fondos propios a través do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

Xosé Represas explicou esta actuación “abrangue tanto aos parques infantís do centro urbano como aos das parroquias, procurando sempre a equiparación de servizos entre o rural e o centro urbano para que toda a cidadanía poida acceder en igualdade aos mesmos”.

En concreto no Parque das Pombas colocaránse un balancín doble, catro muelles doble, un columpio nido, un tobogán, dous conxuntos multixogo, un columpio bipraza mixto, un rocódromo e unha valla.

No parque de Angoares un tobogán e unha zona multixogo, no de Arnoso un columpio bipraza mixto, un muelle e un columpio multixogo e no parque infantil de Cumiar un tobogán e un columpio bipraza mixto ademais dunha nova valla.

No parque de San Roque procedeuse á colocación de dous conxuntos multixogo e un mulle e no parque de Manuel Rodríguez un conxunto multixogo, un muelle, un tobogán e un columpio.

Ademais, o parque da Freixa conta xa con tres muelles, un columpio e tres tobogáns.

O parque da Praza da Música tamén foi obxecto de renovación e na semana pasada colocáronse un conxunto multixogo e unha caseta.

Todas estas actuacións permitirán ás familias contar con espazos renovados nos que as nenas e os nenos poidan desfrutar de tempo para compartir xogos.

Os diferentes elementos colocados dan cobertura ás diferentes idades infantís dende os 2 aos 12 anos.

O alcalde ponteareán subliñou que o Goberno local “traballa en colaboración cos colectivos e veciñanza en xeral para que Ponteareas sexa un fogar no que toda a cidadanía poida atopar cubertas as súas necesidades e executar infraestruturas de futuro planificadas”.