Venres, 9 Maio de 2025

Instituto Social da Marina e Capitanía Marítima confirman o mantemento dos seus servizos na Guarda

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, reuniuse con representantes tanto do Instituto Social da Marina coma da Capitanía Marítima diante “da alarma provocada polo BNG guardés nos medios de comunicación denunciando o peche das oficinas”.

Por unha banda, Antonio Lomba púxose en contacto con Rosa Alonso, directora provincial do ISM en Vigo, para coñecer de primeira man a situación presente e futura da oficina na Guarda. Alonso confirmoulle ao alcalde guardés a continuidade na prestacións dos servizos e comunicoulle, que por parte do ISM, “non está previsto nin o peche nin a redución de persoal na oficina da Guarda”. Segundo a directora provincial, a redución horaria que se está a producir estas últimas semanas “é provisional”.

Das tres persoas que deberían estar traballando na Guarda unha delas atópase de baixa por enfermidade e hai dúas prazas pendentes de ser cubertas por concurso de traslados. Unha destas prazas cubrirase de forma eventual, a maior brevidade posible, por unha comisión de servizos que xa está aprobada.

Por outra banda o alcalde tamén mantivo contactos con Juan José Escolar, capitán Marítimo de Vigo, para coñecer as previsións sobre o futuro da oficina da Guarda. O responsable da Capitanía Marítima asegurou que a previsión “é a de seguir prestando o servizo cada 15 días como se ven facendo na actualidade”.

Estes temas foron tratados nunha reunión informativa entre Antonio Lomba, alcalde da Guarda, Monserrat Magallanes, tenente de alcalde, e responsables das organizacións guardesas vinculadas ao mundo da pesca: ORPAGU, Asociación de Palangreros Guardeses e a Confraría de Pescadores.

As conclusións da reunión foron as de facer unha comunicación para tranquilizar aos usuarios sobre a continuidade dos servizos e a necesidade de solicitar unha ampliación da atención da Capitanía Marítima na localidade.

O alcalde adquiriu o compromiso de poñerse en contacto coa ‘Dirección General de la Marina Mercante’ para motivar e solicitar unha ampliación da cobertura da oficina da Capitanía Marítima na Guarda.