Domingo, 4 Maio de 2025

Digna Rivas, “non teño máis prioridade que a defensa das miñas veciñas e veciños”

A alcaldesa de Redondela asegura que os procesos xudiciais abertos polo seu antecesor “non buscaban beneficiar á veciñanza senón obedecer as ordes de Feijóo e Rueda”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ante as “supostas declaracións” realizadas sobre a sentenza da PassVigo e as manifestacións do PP de Redondela nas que acusaba a rexedora local de non querer defender os intereses do municipio, asegurou hoxe que, “ao contrario que o meu antecesor no cargo, que só facía o que lle mandaban dende Santiago, eu non teño máis prioridade que a defensa dos intereses dos meus veciños e veciñas fronte a quen sexa e en calquera circunstancia”.

A rexedora redondelá non dubidou en cualificar de “chiste” que o Partido Popular diga que “fará executar a sentenza do PassVigo cando o certo, é que a sentenza estase executando xa de xeito automático dende que foron aceptadas as medidas cautelares”. En todo caso, sorpréndelle a alcaldesa de Redondela que o PP “poida facer semellante reflexión sobre a sentenza que deixa claramente demostrado que o único que busca non é o beneficio da veciñanza senón a rendibilidade política”.

Rivas lembrou que a súa chegada ao Goberno local, o Concello tiña varios procesos xudiciais abertos iniciados polo anterior alcalde, “procesos que, non nos chamemos a engano –afirmou a rexedora local– non tiñan a finalidade de defender os intereses das veciñas e veciños, senón que eran temas cunha clara intencionalidade política e seguindo instrucións do sr. Feijóo e o sr. Rueda”.

De feito, explica a alcaldesa de Redondela, as querelas foron interpostas contra a Deputación de Pontevedra “porque estaba gobernada polo PSOE e o BNG e contra o Concello de Vigo, gobernado polo PSOE”. Esa “rapidez” en actuar non era tal “cando tiña que facelo contra o Goberno do PP na Xunta de Galicia ou en Madrid”.

Lamenta a rexedora local de Redondela que o meu antecesor “nunca optara pola vía do diálogo para resolver un tema importante para os veciños e veciñas como a tarxeta de transporte” e, nese sentido, lembra Digna Rivas “que nunca intentou sentarse a buscar unha solución co alcalde de Vigo e optou directamente pola vía do enfrontamento seguindo as liñas que lle marcaban dende Santiago”.

O Concello, engadiu Rivas, ten abertos tres procesos xudiciais iniciados polo anterior goberno “e en ningún momento manifesteime sobre eles por unha simple cuestión de respecto institucional, respecto aos veciños e veciñas, e respecto ás decisións das xuízas e xuíces”.

Cómpre lembrar que hai dúas semanas o Concello de Redondela perdeu un proceso xudicial que mantiña contra a Deputación de Pontevedra a raíz do Plan DepoRemse. “Un tema no que o meu antecesor sabía, perfectamente, que a Deputación actuara conforme á lei e, non obstante, iniciou este proceso cunha clara intencionalidade política e seguindo ordes”, engade Digna Rivas que matiza que, chegada a alcaldía “deixei que o proceso seguira o seu curso porque son os xuíces e xuízas os que teñen que decidir e as e os políticos temos que dar exemplo e ser os máis respectuosos coa independencia xudicial”.

Non dubida a alcaldesa de Redondela que todo isto responde “a unha campaña de descualificación ante o inicio dunha cita electoral” unha táctica na que, afirma, “non vou entrar. Débome ás miñas veciñas e veciños e serán eles, chegado o momento, os que teñan que valorar o meu traballo”.