Sábado, 3 Maio de 2025

Juan Lorca, “temos acceso a demasiada información e non temos por que saber cal é correcta e cal non”

O chef Juan Llorca desgranou erros e problemas que afrontar na alimentación infantil e posibles solucións durante a segunda xornada da «V Semana da Educación de Tomiño»

Falar de alimentación e saúde é ter en mente unhas cifras moi alarmantes: 44.000 persoas morren cada ano en España por unha mala alimentación, unha taxa de mortandade máis alta que o tabaco; o 59 % das enfermidades crónicas teñen a súa orixe na falta dunha dieta saudable; no 2030 máis de 27 millóns de españoles e españolas padecerán obesidade ou sobrepeso e, hoxe en día, xa o 34 % dos nenos e nenas sofren sobrepeso e o 18% son obesos… “Todas estas cifras deberían facernos parar a reflexionar e replantexarnos o que está a pasar”.

Así de contundente se amosou o chef Juan Llorca durante a súa conferencia na segunda xornada da V Semana da Educación de Tomiño, na que desgranou os erros e problemas máis frecuentes que se atopan en materia de alimentación infantil e posibles solucións para afrontalos.

O chef, que abandonou as estrelas Michelín por cocinar nun centro Montesori, aproveitou a charla para desmitificar moita das afirmacións que chegan a nais, pais ou educadores por diferentes medios e que se toman como bases da educación alimentaria dos e das máis pequenas da casa. “Hoxe en día temos demasiada información, boa e mala, temos acceso a demasiadas opinións externas e non temos por que saber se son correctas ou non”, explicou Llorca, quen salientou aspectos como a importancia de ensinar aos nenos e nenas a cociñar para “darlles máis ferramentas á hora de elixir que comer ou non comer” ou a necesidade de dispoñer na sanidade pública dun especialista en nutrición.

Galicia é unha das zonas de España con maior índice de prevalencia da obesidade en idade adulta, unha taxa elevada que tamén se reflicte en idades temperás e que “non deixa de ser unha enfermidade”. “Hai moitos factores que inflúen en que cada vez haxa máis nenos e nenas con sobrepeso. Por exemplo, o sedentarismo é unha parte importante da ecuación, porque por moi ben que nos alimentemos se non temos actividade física estamos prexudicando á nosa saúde. Pero hai que ter unha cousa clara, como dicía Margaret Chan, ex directora da OMS: ningún dos factores que interveñen nas causas da obesidade infantil están baixo o control do neno ou da nena”, destacou.

Unha charla didáctica e esclarecedora que, como salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “serve para darnos unha orientación, unha pauta, de como alimentar de forma saudable aos nosos fillos e fillas”.

Pepa Horno: “O medo non protexe, paraliza. Para garantir o seu desenvolvemento temos que xerar en nenas e nenos fortaleza emocional”

A Semana da Educación de Tomiño arrancaba o luns falando dunha preocupación real no ámbito educativo e familiar: “estamos inoculando medos ás nenas e nenos”. Así comezaba a súa conferencia a psicóloga e consultora en infancia, afectividade e protección Pepa Horno, unha charla coa que fixo entender ao público que ateigou o Auditorio de Goián que “dividimos a vida en brancos e negros. E cando traballamos dende a perspectiva da protección debemos ser conscientes de que o medo paraliza e que o que realmente axuda a garantir o desenvolvemento dos nenos e nenas é xerarlles fortaleza emocional, facelos máis forte”. Unha fortaleza que, segundo Horno, chega da man de tres elementos claves que se deben de ter en conta á hora de educar: a autorregulación emocional, a integración emocional e a capacidade de resiliencia.

Pepa Horno fixo especial fincapé no presente que está o medo nas vidas de pais, nais, educadores… porque “criar e educar implica vivir con medo, a que lles pase algo, a equivocarnos… a moitas cousas e moi diferentes, pero medo”. “Temos que saber como xestionar os nosos medos porque non educamos no que dicimos nin no que facemos, educamos no que vivimos. Por iso é imprescindible o autocoidado e o benestar propio, porque é un investimento que facemos tamén no seu benestar e no seu desenvolvemento. Irse a tomar unha cervexa, anotarse a clases de ioga, saír de excursión sen fillos e fillas… iso tamén é ser bo pai ou nai, porque esas vivencias van facer que esteamos mellor. E ten que haber congruencia entre o que dicimos, o que facemos e como estamos”, destacou a psicóloga.

Horno explicou ao público que errar é inevitable porque “é imposible facelo ben 24 horas ao día 365 días ao ano. É importante rematar co mito de que como coidadores non podemos equivocarnos e ser conscientes de que cometeremos erros e que temos que aprender a perdoarnos. Non se trata de xerar unha burbulla arredor das nosas fillas e fillos, senón de darlles as ferramentas para que sexan capaces de enfrontarse á vida”.

Traballo a prol da infancia e da adolescencia

A alcaldesa Sandra González foi a encargada de presentar á conferenciante na xornada inaugural da V Semana da Educación, un evento anual que fai que Tomiño “sexa coñecido máis alá das nosas fronteiras polo noso traballo a prol da infancia e da adolescencia. Para nós é un orgullo ser capaces de organizar a tanta xente e ver a tanta xente interesada en escoitar e en aprender en todo o que rodea á educación”. A alcaldesa quixo resaltar unha das máximas de Pepa Horno: quen nunca recibiu amor non é capaz de dar amor. “ Ser uns pais e nais capaces de dar afecto para moitos de nós é algo tan cotiá que nos esquecemos que para outras persoas non é doado de dar se nunca o recibiches. Debemos reflexionar como queremos que sexa o futuro, se queremos unha sociedade baseada no amor ou na violencia, unha sociedade baseada na ledicia ou no medo. E debemos animar ás nosas fillas e fillos a equivocarse, a cometer os seus propios erros”.