Mércores, 7 Maio de 2025

A Guarda convídache a coñecer o Camiño de Santiago plantando unha árbore autóctona

O fin de semana do 25 e 26 de xaneiro terá lugar a primeira das actividades do proxecto ‘O Camiño Aguárdate’, coa que o concello guardés participa no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia. A finalidade do proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Nesta primeira actividade convídase tanto a veciños da Guarda, como da contorna a coñecer o Camiño de Santiago dende a perspectiva medioambiental polo que se conta coa colaboración da Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

Os participantes nesta actividade percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantarán árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras ou castiñeiros.

Esta prantación realizarase nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día.

Esta actividade que se realizará o sábado 25 e o domingo 26 de xaneiro en horario de 10 a 13 h, ten un aforo limitado de 25 prazas por día, polo que é preciso anotarse previamente en [email protected] ou no 986 610 000 ext.5. A estación do Ferry será o punto de encontro para iniciar a andaina.