Nesta semana que remata o mes de xullo, o Concello da Guarda retoma as actividades infantís canceladas no inicio do mes por culpa da choiva. Así, o espectáculo de maxia de Cayetano Lledó Titanic, chegará o venres 30 no Auditorio de San Benito ás 20:30 h. O sábado 31 de xullo será a quenda dos pasarrúas de O séquito do Capitán Nemo, pola mañá e ás 21 horas do concerto do grupo de clarinetes Klason.
Dende a maxia e o humor transporta, Cayetano Lledó trasladará aos espectadores aos preliminares da viaxe do Titanic contando o que a historia oficial non recolleu: que o barco fixo escala en Galicia. A cita será o venres 30 de xullo no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.

O espectáculo pensado para entreter a toda a familia, precisa de inscrición previa a través do correo electrónico [email protected], para aqueles que non estaban anotados na súa data orixinal do 3 de xullo.

Mentres o sábado pola mañá terá lugar o pasarrúas O séquito do Capitán Nemo, entre a Praza de Avelino Vicente e o Porto da Guarda ás 12:30 h que encherá de fantasía ambientada no mundo mariño e submarino as rúas da vila.
Xa pensando no público adulto, o día 30 será o derradeiro Venres de xullo baixo as estrelas no Puntal, que tan bo éxito foi acadando durante todo o mes. Os interesados en asistir deberán reservar a súa praza en [email protected], xa que contan cun aforo moi limitado.
Mentres que o sábado á noitiña volverá a música á Praza do Reló (21:00 h) da man do grupo de clarinetes KLASON, unha formación xurdida do seo da Agrupación Musical do Rosal para traballar a música de cámara, incorporando un variado repertorio que vai dende a música popular, a música de escena, o barroco, o clásico, romántico e contemporáneo. Ao igual que no resto de actividades para asistir é preciso a inscrición previa en [email protected]
Pola súa banda no Monte de Santa Trega continúan as visitas regulares aos diferentes elementos do Monte dende o xoves ata o domingo, debendo reservar as prazas no mail [email protected] e lembramos que a sesión de Teatro no Trega A viaxe de Exeria ao castro” desta semana está suspendida ata o vindeiro catro de agosto.
