Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela iniciará, en primavera, as obras do parque de San Estevo de Negros

As condicións meteorolóxicas adversas impediron o inicio dos traballos nas datas previstas, segundo se sinala no informe emitido polo director da obra

As obras de construción da primeira fase do parque infantil de San Estevo de Negros, que debían ter comezado o pasado mes de outubro e que non se puideron desenvolver polas condicións meteorolóxicas adversas, comezarán nesta vindeira primavera, seguindo as indicacións técnicas. O pasado 29 de novembro do 2019, o director da obra emitía un informe no que manifestaba a imposibilidade de dar comezo ás obras previstas ao estar os terreos anegados polas continuas choivas dos últimos meses.

O lugar onde se ten pensado realizar a actuación, con terras procedentes de distintos desterros, actúan a modo de esponxa propiciando o seu encharcamento.

As obras realizaranse nunha zona comprendida entre os camiños do Sapal e Costa Mouriño e consisten no acondicionamento dunha parcela para a posterior instalación dun parque infantil e unha zona deportiva para o que, o proxecto, inclúe os traballos de rozado de toda a parcela e a execución dunha rampla de acceso na súa vertente oeste.

O Concello de Redondela optou por paralizar o expediente polo prazo máximo establecido na Lei de Contratos, seguindo as recomendacións dos técnicos, polo que as obras poderán realizarse chegada a primavera sen necesidade de celebrar outro novo contrato.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou á veciñanza de San Estevo de Negros que a paralización dos traballos “debese exclusivamente a recomendacións técnicas de xeito que se poidan facer, posteriormente con todas as garantías necesarias”. Rivas asegurou que este aprazamento “non implica nin a perda dos fondos previstos nin moito menos a cancelación da obra”.

As veces, concluíu Digna Rivas, “é mellor esperar o tempo recomendado polos técnicos e facer unha obra en condicións que levala adiante de calquera xeito para ‘quedar ben’, como xa ten acontecido en épocas anteriores”