A Praza do Concello de Redondela e a Alameda Rosalía de Castro de Chapela, acollerán mañá xoves, 31 de outubro, as actividades que o Concello redondelán vén de artellar con motivo do Samaín. En caso de choiva, as actividades serían trasladadas ao Multiúsos da Xunqueira e ao Multiúsos de Chapela, respectivamente.
Actividades Redondela
No que a Redondela fai referencia, entre as 16:30 h e as 19:30 horas, nenos e nenas poderán participar en obradoiros de Cociña e maquillaxe terrorífica, Decora a túa cabaza e Elaboración de Cestas.
Doutra banda e por se a choiva fai acto de presenza, unha gran carpa situada na Alameda Castelao acollerá, entre as 18 h e as 21 horas, o Pasadizo do Terror, que sen dúbida fará as delicias dos pequenos e pequenas.
Obradoiros en Chapela
Pola súa banda, a Alameda Rosalía de Castro de Chapela, será o lugar onde, entre as 17 h e 19 horas, se desenvolvan os obradoiros de Cociña e Maquillaxe Terrorífica, Decora a túa cabaza e Elaboración de cestas.
O Concello de Redondela busca, con estas actividades, que os máis pequenos tomen contacto do xeito máis divertido posible cunha das tradicións máis ancestrais de Galicia, o Samaín que marcaba o final da tempada de colleitas e considerábase como o ‘Ano Novo Celta’ que comezaba coa estación obscura e que foi celebrado, durante máis de 3.000 anos, polos pobos celtas que poboaron toda Europa.