Luns, 5 Maio de 2025

Ponteareas restrinxe as visitas á residencia de maiores e os paseos das persoas residentes como medida preventiva ante os rebrotes da COVID19

Aínda que todos os residentes están ben, o goberno local toma esta medida preventiva ante o aumento de contaxios noutras zonas

O Concello de Ponteareas, diante da situación de novos contaxios de coronavirus noutras zonas, vén de tomar diferentes medidas de contención para minimizar os riscos de contaxio na residencia de maiores municipal ‘Santa Ana’; medidas que se adoptaron de forma coordinada coa responsable da Covid-19 no PAC de Ponteareas da Consellería de Sanidade.

Segundo a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, “tomouse a decisión de restrinxir a saída dos e das usuarios e usuarias da residencia de maiores”, así como limitar as visitas as persoas que residen neste centro “a unha soa persoa nos xardíns da instalacións”.

“Dadas as características da nosa residencia que está ubicada no centro da vila e é para persoas válidas, –explica Verónica Carrera– as persoas residentes saen con frecuencia o que supón unha situación de risco de contaxio elevado na actualidade”.

Aínda que na residencia de maiores municipal lévanse a cabo todas as medidas de prevención Covid-19, tales como visitas a residentes no xardín, enquisas diarias a persoal, persoas usuarias, visitas, así como toma de temperaturas, distanciamento interpersoal, lavado de mans e uso de máscaras, o Goberno entende que para maior tranquilidade o mellor é tomar estas medidas para unha maior prevención.

A concelleira agradeceu “a profesionalidade e a labor tan importante que están realizando todas as traballadoras e traballadores da residencia de maiores”.