Luns, 5 Maio de 2025

Ponteareas aclara que os concellos “non dispoñen de datos oficiais sobre contaxios a nivel municipal”

Nas últimas semanas medra a petición de datos creando preocupación, sospeitas e alarma inxustificadas

O Concello de Ponteareas vén de aclarar hoxe á cidadanía que os Concellos “non dispoñen de datos oficiais sobre contaxios no ámbito municipal”. Desde o Goberno local do BNG e PSOE explican que “os datos sobre contaxios tenos o SERGAS e a súa política informativa, que en ningún caso cuestionamos, consiste en dar información por áreas sanitarias, en ningún caso por Concellos”.

O propio Sergas confirmou oficialmente á Concelleira de saúde, Cristina Fernández, que os datos por concellos non se facilitan. Neste sentido, a concelleira nacionalista apela á responsabilidade dos cidadáns e “non formular ao Concello esixencias de información da que carecemos, creando un alarmismo innecesario”.

O Concello advirte ademais que os mapas de Galicia con supostos casos detectados que están circulando por redes sociais “son informacións non oficiais e sen fonte coñecida e contrastada, en definitiva, auténticos bulos que non se deben propagar nin estender irresponsabelmente”.

Por último, desde o goberno do BNG e PSOE, a través da responsable de Saúde aclara que “o Concello de Ponteareas en ningún caso vai dar información sobre esta crise e sobre persoas ou lugares afectados que non sexan oficiais, compartidos polas autoridades competentes”, e engade que “a veciñanza debe ser consciente de que Ponteareas é un concello onde se están tomando todas as medidas de prevención necesarias e insta a toda a poboación a seguir colaborando xuntos na procura de salvar esta situación o antes posible e co menor número de afectados”.