Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas solicita a “paralización urxente” da rede de calor de biomasa e piden “diálogo” ao goberno local

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas vén de solicitar a “paralización inmediata” das obras da Rede de Calor de Biomasa, levadas a cabo en pleno centro urbano de Ponteareas e que segundo a portavoz popular, Belén Villar “carrexaron un gran enfado entre os veciños da zona”.

Villar, solicita “diálogo urxente” ao goberno como medio de parar este problema, polo que esixen a convocatoria “dunha reunión urxente para tranquilizar aos veciños”. A voceira do PP de Ponteareas salienta que é preciso que se lle explique á veciñanza “o funcionamento desta rede de calor e téntese cambiar a localización non só por cuestións estéticas –prevese a instalación de chemineas de 18 metros de altura– e de operatividade, senón porque varios veciños aseguran ter documentos que acreditan a cesión deses terreos, por parte dun particular, para uso exclusivo de servizos sociais” explicou a portavoz.

O Grupo Municipal do PP considera que se o Goberno local continúa adiante “estará a prexudicar aos veciños desta zona e podería comprometer a economía do Concello”.

“A rede de calor é necesaria, –afirma Belén Villar– por iso votamos a favor no seu momento nunha sesión plenaria na que xunto a ese punto votábanse outros de vital importancia para Ponteareas” ao mesmo tempo que lle lembra á Alcaldía ponteareá que “non se falou de localización” xa que se sinalou que era “unha primeira fase do antigo proxecto”.

Lamentan os populares o que cualifican de “escurantismo” e non comparten a situación da instalación “pegada a un Centro de Día e a unha Residencia de Maiores, sen ningunha explicación sobre a elección desa localización”.

No PXOM exponse unha zona de esparexemento e desfrute para os maiores, cun parque biosaudable nesa zona, e cualificado o terreo como de uso asistencial. Nesa liña, os veciños aseguran ter documentos “que acreditan que eses terreos foron cedidos para uso social” polo que, alerta Villar, “se as obras continúan e deciden acudir ao Xulgado, o Concello de Ponteareas podería ser sancionado economicamente”.

O PP espera que o alcalde convoque a reunión nas próximas 48 horas para aclarar a situación. “Queremos explicacións en referencia á localización e tamén coñecer se é certo que estes terreos só poden ser destinados a uso social tal e como parece ser que solicitou a familia que fixo a doazón. Temos que liquidar este problema antes de que chegue o inverno, para poder tela operativa para entón”, polo que esixen do Goberno local “transparencia e celeridade”.

Villar resaltou que o partido ao que representa “está a favor da rede de calor”, pero non comparte a localización elixida nin a falta de diálogo entre veciños e Goberno. “Mellorar Ponteareas si, pero non á conta de minguar a calidade de vida doutros veciños”, sentenciou a portavoz.