Sábado, 3 Maio de 2025

Axudicada a humanización da contorna do auditorio e praza de abastos de Ponteareas

As obras, que contan cun investimento de máis de 200.000 euros, comezarán en xaneiro de cara a non prexudicar ao comercio local na campaña de Nadal

En xaneiro do 2020, unha vez rematadas as festas de Nadal e con elas unha das campañas fortes do comercio local de Ponteareas, o Goberno que preside Xosé Represas iniciará as obras de humanización da rúa Doutor Fernández Vega no treito comprendido entre o auditorio municipal e a praza de abastos. Os traballos supoñen un novo paso na idea de acadar unha vila na que o protagonismo o teñan as persoas.

As obras foron adxudicadas á empresa Audeca, S.L.U. por un importe de 205.444,92 € (IVE incluído), nun proceso aberto no que participaron un total de trece empresas.

A humanización da contorna do auditorio e praza de abastos é unha actuación enmarcada na estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) –que custean o 80 % do importe– e dos fondos propios do Concello que se fai cargo do 20 % restante.

O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, salientaron que as obras a partir do día 7 de xaneiro do vindeiro ano “para garantir o bo desenvolvemento comercial na época de Nadal”. Non obstante, antes do inicio dos traballos, o alcalde e a concelleira manterán unha reunión na que estean presentes o arquitecto responsable, a empresa adxudicataria, a federación de comercio, os e as comerciantes e as praceiras e praceiros para falar dos detalles da obra e para estudar a forma máis axeitada para desenvolver a actividade comercial durante as obras.

A reforma que creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mantendo a circulación de vehículos nos dous sentidos. Porén, estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

Este proxecto, que contou cun proceso previo de participación cidadá –ao igual que aconteceu cos postos xa en marcha e os que se desenvolvan durante este mandadato–, súmase aos xa postos en marcha como a humanización de San Roque I tramo e Alto da Gloria, ademais doutros procesos que xa están en tramitación.