14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia'Zero Waste' lanza este venres un monográfico sobre o Plan Revitaliza como...

    ‘Zero Waste’ lanza este venres un monográfico sobre o Plan Revitaliza como experiencia relevante na UE

    A axencia europea ‘Zero Waste Europe’ lanzará este venres en toda Europa a súa publicación monográfica sobre o Plan Revitaliza da Deputación tras consideralo unha ‘experiencia ambiental relevante’ e asegurar que é un ‘caso de estudo’ na xestión do lixo aplicable en moitas zonas da UE. O propio director executivo da entidade, Joan Marc Simo, trasladarase a Pontevedra este venres para dar a coñecer o informe. Amais, haberá un lanzamento simultáneo do traballo dende Bruxelas dentro da programación da Semana do Clima.

    Esta publicación monográfica sobre o Revitaliza xorde despois de que o persoal técnico de Zero Waste coñecese a iniciativa da Deputación de fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento. Entón, o plan provincial foi seleccionado como ‘experiencia ambiental relevante’.

    Posteriormente, o responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitou Pontevedra durante varios días co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir un estudo técnico.

    Na súa estancia na provincia Condamine xa asegurou que a compostaxe de proximidade do Revitaliza pódese aplicar en cidades e rexións similares, con poboación rural e dispersa. “Queremos demostrar que o que aquí se fai pode facerse noutras rexións”, sentenzou.

    Agora, no seu informe indica que grazas á compostaxe descentralizada, a provincia de Pontevedra pasou de non ofrecer opcións para xestionar os biorresiduos a un sistema descentralizado e baseado na comunidade, para engadir que despois de tres anos, máis de 2.000 toneladas de biorresiduos compóstanse localmente e o proxecto estendeuse a máis de dous terzos dos municipios da provincia. “España segue atrasada en canto ao cumprimento dos obxectivos Europeos de reciclaxe, pero a historia de Pontevedra demostra que é posible cumprilos con medidas sinxelas, eficaces e económicas grazas á compostaxe decentralizada”, afirma.

    Este venres o director executivo de Zero Waste, Joan Marc Simo, estará en Pontevedra para explicar polo miúdo os detalles que levaron á axencia europea a fixar os seus ollos no Revitaliza, escribir o ‘estudo de caso’ e difundilo pola UE. De feito, amais da presentación formal da publicación monográfica sobre o Revitaliza, Zero Waste lanzará publicamente o informe de forma simultánea dende Bruxelas a outros organismos, institucións, e colectivos co obxectivo de ter a máxima divulgación.

    O Plan Revitaliza está a levantar unha grande expectación en xeral dentro do Estado Español, con visitas de representantes de do Ministerio de Transición Ecolóxica, deputacións, concellos e outras administracións relacionadas cos residuos. Así mesmo, despunta o recoñemento internacional por parte de países asiáticos, americanos e africanos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.