10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Terra» a primeira das catro crías recuperadas no CAAN logo de ser...

    «Terra» a primeira das catro crías recuperadas no CAAN logo de ser arroxadas nun colector de lixo, xa ten fogar

    ‘Terra’, unha das cadelas da camada de catro cachorros que o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) conseguiu salvar despois de que foran arroxados en novembro a un colector en Vilanova de Arousa, xa ten un novo fogar. A pequena cadela foi adoptada o sábado día 11, só 24 horas despois de que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordara a súa historia e recuperación na comparecencia para facer balance anual do centro, na que estivo acompañada das catro crías.

    Como sinalara Silva, tanto “Terra”, como “Sabela”, “Ceo” e “Ares”, xa estaban preparados para saír en adopción. E non fixo falta esperar máis dun día para que a primeira atopase un novo fogar no concello da Estrada, grazas á mediación da Asociación Palleiráns. Amais, o CAAN tamén recibiu outra petición para adoptar a “Sabela”, que probablemente se resolverá esta mesma semana.

    Hai que lembrar que estes catro cachorros ingresaron no centro en condicións moi críticas o pasado 30 de novembro. A Guarda Civil de Caldas localizara un total de cinco animais (dous machos e tres femias) no interior dun colector no lugar do Monte, na parroquia de Deiro (Vilanova), con apenas horas de vida, e os trasladou ao CAAN. Unha das cadelas chegou sen vida ao centro e o resto atopábanse con hipotermia e moi débiles. Os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e alimentáronos con biberón. Neste senso, trasladaban de noite aos cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas.

    Case mes e medio despois, os cachorros están en perfectas condicións e xa saíron en adopción, como amosou Silva a pasada semana na presentación dos “extraordinarios” resultados do centro no 2019. Así, ao longo do pasado ano foron 466 as adopcións acadadas, o que constitúe o récord anual desde que abriu o centro no 2013 e que estaba nas 430 logradas no 2016.

    Amais, reduciuse o número de recollidas, cun total de 1.290 fronte ás 1.788 que se fixeron no 2018. Hai que salientar tamén os resultados da recente campaña de sensibilización para fomentar as adopcións e a tenza responsable de animais. Neste senso, “Esteriliza, adopta”, acadou entre o 27 de novembro e o 9 de xaneiro un total de 48 adopcións. Outros 350 cans e cadelas esperan agora no CAAN atopar un novo fogar e, deles, “Apro” é o que máis leva no centro, cinco anos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.