Sábado, 3 Maio de 2025

SmartPeme pon en marcha esta semana outros cinco obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o Marketing social no terceiro sector, demostración de solucións no comercio, edición de fotografía no ordenador, debuxo 3D coa ferramenta Onshape e como vender a través de Internet.

Este martes 25 impartirase o obradoiro “Marketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”, a cargo de Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual, quen falará das diferentes formas de abordar este sector.

O mércores 26, cita para “Demostración de solucións para o sector comercio”, obradoiro orientado ás empresas do sector comercio da provincia de Pontevedra. Xa pola tarde, Lara Taboada, impartirá “Edición de fotografía co teu ordenador: Polarr”, onde desvelará as posibilidades desta ferramenta de edición

Para finalizar a semana, o xoves 27, será a quenda de “Debuxo con Onshape, PartSudio II” a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen falará da potencialidade desta ferramenta como fixo a semana anterior. Por último e no mesmo día, María Aller, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro “Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet II”, para saber como montar  unha tenda online.