Mércores, 28 Maio de 2025

SmartPeme imparte catro obradoiros esta semana

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta, entre outros, cursos sobre estratexias SEO e SEM ou edición de fotografía

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como o blockchain, a elección de palabras clave para SEO e SEM ou a edición de fotografías.

As actividades comezarán o martes 8 cun obradoiro titulado “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM” no que Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, falará da importancia do posicionamento na rede e as palabras chave.

Para o mércores 9 hai programados dous talleres. Co primeiro deles, titulado “Blockchain, metaverso” Manuel Freire, experto universitario en robótica, pecha o ciclo de obradoiros informativos sobre a tecnoloxía blockchain falando do metaverso, como se intúe que será, para que vai servir e o seu estado actual. O outro taller programado para este día versará sobre os “Motores de reservas para empresas turísticas” e nel Sonia Torres, técnica en Empresas e Actividades Turísticas, explicará que é un motor de reserva e un channel manager. Ademais, dará a coñecer as vantaxes de dispor dun sistema de reservas e dispoñibilidade online para o sector turístico aportando exemplos. Os obradoiros rematarán o xoves 10 cun taller completamente práctico impartido por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos e de Deseño Gráfico. Baixo o título de “Edita as túas fotografías co teu teléfono móbil: Snapseed” as persoas asistentes coñecerán de preto unha ferramenta de edición fotográfica con múltiples posibilidades.