Sábado, 3 Maio de 2025

Preto de 900 persoas participarán esta fin de semana “En Ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 16 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Arbo, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Mos, Crecente, Salvaterra de Miño, O Rosal, Soutomaior, Pontevedra e Salceda de Caselas mobilizarán un total de 857 persoas (ata 54 cada unha) para coñecer emblemas da provincia como o mosteiro de Poio, a illa de Tambo, Combarro, as illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés e os pendellos de Agolada e Vila de Cruces, ademais de poder coñecer a ría de Arousa en barco ou practicar caiac nas praias do Morrazo.

Este sábado 26 de agosto sairán oito entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. Desde Vigo, a Asociación Cultural e Deportiva Xestas realizará unha ruta pola illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio, ao igual que a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arbo. A Asociación Xaruma, tamén de Vigo, fará un percorrido pola ría de Arousa que inclúe unha degustación en barco e, no Grove, visita á illa da Toxa e ao Museo Salgadeiras de Moreiras. Esta ruta pola ría tamén a fará a Asociación Cultural e Deportiva Fioye2, de Salvaterra de Miño. A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereira (Mos) e a Comunidade de Usuarios de Freixo (Crecente) visitarán as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo. A Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso de Mos visitará os pendellos de Agolada e a Casa-Museo A Solana de Piloño, e a Fundación Xosé Neira Vilas e a igrexa de San Salvador de Camanzo en Vila de Cruces. Por último, a Agrupación Musical do Rosal fará un percorrido en caiac pola costa do Morrazo (praias de Liméns, Melide e Barra, Soavela, Cabo Home e monte do Facho).

O domingo 27 de agosto outras oito entidades participarán no programa da Deputación. Á ruta pola ría de Arousa acudirán a Asociación Galega das Persoas Maiores, Xubilados e Pensionistas (ASOGAPEM) de Vigo e o Centro Cultural e Social de Herville de Mos. A Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior) e a Asociación Veciñal e Cultural de Cacheiro de Pontevedra visitarán a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo, en Sanxenxo. A Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo de Cerdedo-Cotobade viaxará á illa de San Simón e o Museo Meirande (Redondela), ao castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio (Pontevedra). AVOA (Asociación de Xubilados e Pensionistas de Vigo) fará a ruta da Illa de Tambo e, por último, a Asociación de Veciñas e Veciños Ameixoa de Salceda de Caselas e mais a Asociación de Mulleres Creativas de Quireza (Cerdedo-Cotobade) farán o percorrido polas illas Cíes e o barrio do Berbés.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.