Sábado, 3 Maio de 2025

Preto de 1.300 persoas participan esta semana no programa “En ruta coa Depo”

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana 24 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Redondela, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Marín, Mos, O Grove, Salceda de Caselas, Vigo, Lalín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e da Guarda mobilizarán un total de 1.279 persoas (ata 54 por entidade) para coñecer emblemas da provincia como a ría de Arousa, as illas de Ons e Cíes, o monte Aloia en Tui, o conxunto histórico de Cambados ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.

O martes 5 de setembro a Asociación Coral Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa fará un percorrido polo castro de Santa Trega, na Guarda, o conxunto histórico de Tui, o Monte Aloia e o Alto dos Cubos, mentres que as Escravas da Virxe Dolorosa de Mos farán o mércores 6 de setembro a ruta da cultura mariñeira polo Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro.

A Asociación de Veciños de Alvedosa, de Redondela, sairá o xoves 7 de setembro cara a Cambados para facer a ruta que inclúe a visita ao seu conxunto histórico, ao Museo Etnográfico e do Viño, ás ruínas de Santa Mariña Dozo, o Pazo de Fefiñáns e o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

O venres 8 de setembro a Asociación de Mulleres Rurais Adro Vello do Grove percorrerá o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación e os paseos de Monte Boi e marítimo, e a Asociación de Mulleres Lúa de Bembrive (Vigo) visitará a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove.

O sábado 9 de setembro 11 entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo”. A Asociación para o Crecemento e Orientación en Familia da Estrada e a Asociación de Veciños La Camoesa da Parroquia de Camos, de Nigrán, sairán cara a Ons e o barrio de Portonovo (Sanxenxo). A Asociación de Enfermos de Artrite de Redondela e a Asociación de Mulleres O Abeiro de Marín visitarán a Illa de Tambo, Combarro e o mosteiro de Poio. Cara ás Illas Cíes e ao barrio do Berbés dirixiranse tres entidades: a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi de Cerdedo-Cotobade, Medrar 2.0 de Lalín e a Asociación Cultural Cobres de Vilaboa. A Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia de Orazo (A Estrada) fará un percorrido polo santuario de Santa María da Franqueira da Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera de Covelo e o Museo do Viño de Salvaterra de Miño. Por último, a Asociación de Veciños San Tomé de Parderrubias de Salceda de Caselas e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión de Vigo farán a ruta mariñeira pola ría de Arousa.

O domingo 10 de setembro participarán no programa da Deputación outras dez entidades. O Círculo Artístico Deportivo Gato Negro de Vilagarcía de Arousa, a ANPA Os Valados do CEIP Vilaverde de Pontevedra e a Sociedade Os Amigos de Camposancos da Guarda visitarán a Illa de Ons e Portonovo. O percorrido pola ría de Arousa, a Illa de Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove farano a Asociación da 3ª Idade Quiñones de León de Vigo e a Asociación Cultural e Artística Os Contentos de Ponte Caldelas, mentres que a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó (Pontevedra) e a Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa) visitarán as Illas Cíes e o barrio do Berbés de Vigo. Finalmente, a Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas) e a Asociación de Mulleres de Vilaboa visitarán o Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.